xoves, 23 de xuño de 2016

Vídeo resumo do STARgal

Con este vídeo facemos un resumo das actividades desenvolvidas nos proxectos do centro (Proxecta, Contrato-Programa e Innovación), sendo o tramo final o que corresponde ó STARgal

xoves, 9 de xuño de 2016

Hora de facer balance!!!

Chega o fin de curso, e con el o momento de mirar atrás e comprobar que, canto e como de ben fixemos o que nos propoñíamos.

Como xa sabedes, o día 10 de maio lanzamos á web o noso concurso STARgal, que tiña dúas modalidades de participación:

  • OlloSTARgal, ou creación de videopoemas a partir dunha peza de Manuel María que se sorteou en público (emitido vía Periscope). Esta competición foi gañada por Pablo García e Andrea Outeiral, alumnos de 4º do IES A Cachada.
  • RañaSTARgal, competición online sobre 4 videoxogos creados no seo do Proxecta Aprendo Progamando e coa axuda dos monitores do Contrato Programa STARcach. Os 4 videoxogos están na páxina rañaSTARgal, 2 eran Pasapalabras (de vocabulario galego en xeral e de Manuel María), e 2 xogos de habilidade, un sobre a historia de Pardo de Cela e outro sobre o uso correcto de expresións gramaticais galegas. Esta competición foi gañada por alumnado do IES Johan Carballeira.

Quedamos moi contentos de ter feito esta actividade, e agardamos para o ano repetir e facela mellor: anunciar con tempo o concurso (este ano soubemos que estaba aprobado o día 2 de maio, 8 días antes!), facelo o máis transparente posible, e conseguir que participe moita xente en toda Galicia.

Pero sobre todo: estamos felices de que o noso alumnado participase, de que axudase a crear as probas (as online e as físicas, no noso insti A Cachada), de que aprendese, e de que disfrutase. Se queredes aprender algo máis sobre robótica, consultade os nosos videotitoriais en STAR Cach

Creatividade e aprender disfrutando, como din os Pizarro! ;)

martes, 10 de maio de 2016

Sorteo do olloSTARgal

Acabamos de sortear en directo o poema para o concurso olloSTARgal: saiu o número 10.
Lembrade que tedes de prazo ata hoxe ás 24:00h, e que o debedes inscribir na pestana deste Blog co formulario.

O premio son 100€ e acceso directo ós obradoiros do Olloboi.
Sorte!

DEGARO

Quero, pra alumarme, a tua sorrisa:
esa luz maina e tépeda
que me agarima como veludo o corazón.
Xa ves, amiga miña: eu estou só
e na noite escentilan as estrelas.
E os meus soños percuran os teus soños.
Teño un sabor a fel na miña língoa
namentras non escoito as tuas palabras
que caen en mín como unha choiva tépeda.
Esquence, amante, a tua soidade.
Date a mín
que eu te cinguirei como unha hedra.
Sinto agallopar por min salvaxes poltros:
é a miña vida madura esligando
por agarimarte toda como un vento.
Recorre a miña alma enteiramente
e que os teus beizos
me veñan xa matar esta impaciencia. Entre a arxila e a luz

rañaSTARgal

Con retraso, debido a problemas internos de Google, aí van os videoxogos (e aquí un link para descarga desde Drive)




luns, 9 de maio de 2016

AVISO IMPORTANTE

Mañá a primeira hora aparecerán na páxina rañaSTARgal, ademáis do link para xogar online ás probas da competición, unha carpeta Drive para descargar os 4 videoxogos. Se se fan online a conectividade pode afectar á rapidez do xogo.

Ás 14:20, sortearemos en streaming o poema obxecto de concurso.

Ó longo de toda a mañá, desde o IES A Cachada emitiremos en directo as novas do telexernal do futuro: Manuscope ;)


luns, 2 de maio de 2016

STARgal: non deixes que o galego sexa lenda!



O martes 10 de maio propoñemos a todos os centros de secundaria de Galicia competirmos xuntos no #STARgal: un proxecto elaborado no IES A Cachada, Boiro, para demostrar que as TIC e o galego poden e deben ir da man se queremos construír unha sociedade máis sólida e preparada.

A competición será virtual e consistirá en 2 probas:

  • RañaSTARgal, unha competición de habilidade e coñecementos a través de videoxogos elaborados polo noso alumnado con Scratch
  • OlloSTARgal, un concurso de videopoemas elaborados con móbil, organizado en colaboración co Festival Audiovisual Escolar Olloboi
Entra en cada pestana para saber máis sobre como funcionará cada competición e os premios correspondentes. 

Entre tod@s, podemos frenar o retroceso do galego. O primeiro paso é reivindicar o seu uso nas áreas de prestixio laboral e social actuais: o audiovisual, a robótica e a programación.


Para máis info,
cachavideo@gmail.com
Esta actividade conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través das axudas a Innovación en Dinamización Lingüística